O Deportivo promociona a provincia da Coruña


 A campaña "A Coruña: unha provincia por descubrir" luce xa nas equipacións do equipo masculino e feminino do RC Deportivo, unha presenza que se estenderá tamén a diferentes accións de promoción, dentro do estadio e nas instalacións e eventos do Club deportivista.

O presidente da Deputación, promotora desta acción turística promocional, destacou que se trata "dun paso máis no apoio da Deputación ao RC Deportivo", que xunto co Rácing de Ferrol "son dous clubs de referencia do fútbol desta provincia" e "unha inspiración para miles de rapaces e rapazas que desde os clubs e categorías de base aspiran a chegar un día estes equipos".

Esta nova alianza estreita os lazos entre o RC Deportivo e as institucións coruñesas, unhas relacións que se reforzan de cara á nova temporada, tal e como apuntou o presidente, Álvaro García Diéguez, no seu discurso de toma de posesión. Ademais, o club aportará a súa pegada no territorio e o seu impacto social no terreo deportivo para promocionar a provincia coruñesa dentro e fóra de Galicia.