O novo goberno provincial retoma os trámites para a conversión de Santa Clara (Pontevedra)



O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de anunciar a convocatoria da Comisión de Seguimento de Santa Clara para establecer as liñas de acordo co Concello de Pontevedra e impulsar o proxecto. Ademais do futuro do convento, Domínguez tamén afondou nos retos aos que se enfronta o Museo de Pontevedra, que se inclúen “nunha estratexia global fundamental que ten por fin converter Pontevedra na cidade da cultura”.

“Queremos buscar a colaboración entre institucións. Sabemos que están implicadas en Santa Clara administracións de distintas cores políticas, o que pode xerar discrepancias, pero garántolles que, polo ben de Pontevedra, me comprometo a traballar con sinceridade e lealdade institucional”, incidiu o vicepresidente. Neste aspecto, e se temos en conta que o responsable do proceso é a Deputación, o Goberno provincial convoca o Concello de Pontevedra a unha reunión da Comisión de Seguimento de Santa Clara o vindeiro luns 4 de setembro, aínda que “estamos abertos a buscar unha data de consenso cómoda para todos”. O obxectivo do encontro, no que se darán cita, ademais do vicepresidente provincial, o alcalde de Pontevedra, secretarias e secretarios e persoal técnico tanto da Deputación de Pontevedra coma do Concello, é abordar os diferentes puntos de vista sobre Santa Clara e chegar a acordos que permitan seguir avanzando e impulsar o proxecto para o recinto.