Coñece a túa provincia da Deputación mobiliza a máis de 170 persoas que coñecerán a Mariña e a Ribeira Sacra



Máis de 170 persoas da provincia de Lugo participan esta semana no programa Coñece a túa provincia da Deputación para percorrer e descubrir diferentes recursos turísticos do territorio lucense. Pertencen a oito asociacións e uns coñecerán A Mariña e outros a Ribeira Sacra, segundo o itinerario que cada grupo elixiu para pasar a xornada. 

O programa Coñece a túa provincia inclúe de balde o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese das comarcas lucenses. Estas visitas realízanas profesionais que teñen a habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.