Volve a feira Etiqueta Negra, Gourmet Galego e Innovación Inspiradora a Pontevedra. Celebrarase no recinto feiral da Cidade do Lérez os días sábado 11, domingo 12 e luns 13 de novembro a súa sétima edición. Trátase da única feira dedicada exclusivamente aos produtos de alta gama galegos.
Etiqueta Negra, que acaba de ser presentada, prende motores e acaba de iniciar a comercialización de stands para participar como expositor. En apenas algo máis dun mes desde que se abriu a contratación de espazos, xa ten ocupado o 50 % da súa superficie, unha mostra da forte vinculación do sector a esta feira profesional.
Organizada polo Concello de Pontevedra, Etiqueta Negra é unha cita ineludible que convoca cada ano no Recinto Feiral de Pontevedra a empresas e produtores, a profesionais da alimentación, da restauración e da distribución, así como a consumidores.
Para as firmas expositoras trátase dunha oportunidade única para xerar relacións comerciais, propiciar o contacto directo, descubrir novos clientes e difundir a excelencia dos produtos gourmet e delicatessen galegos.
Xunto á actividade da zona expositiva, en Etiqueta Negra desenvolveranse ademais espectáculos de cociña en directo, charlas, presentacións de empresas, de produtos e de novas liñas gourmet, degustacións, demostracións, exhibicións, catas comentadas e outras moitas actividades que se van suceder durante os tres días que dura o evento.
Un ano máis con Estrella Galicia como patrocinador principal, Etiqueta Negra conta tamén co apoio de Cabreiroá, Froiz, Gadis e a Mancomunidade do Salnés.