A Vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu o mércores, no Día Mundial do Turismo, o acto de entrega da cuarta edición dos premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia, que se celebrou na Praza de San Marcos. Un galardón que este ano recoñece á Festa da Filloa de Muimenta, en Cospeito, polo seu traballo a favor da posta en valor deste produto gastronómico galego durante máis de trinta anos, porque “poucas cousas hai máis galegas que as filloas, esa sobremesa que para uns se remonta a tempos dos romanos e para outros sería mesmo anterior”, indicou García Porto.
A Deputada felicitou ás persoas organizadoras da cita, a asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta, e agradeceulles que “convertesen este ano o acto de entrega deste premio nun auténtico agasallo para todos os veciños e veciñas de Lugo”, que puideron degustar na praza de San Marcos este manxar recén feito, facendo referencia a que as filloeiras Ana e Dosinda estiveron cociñando ao longo da mañá diante da sede da Deputación.