200 gandeiros e gandeiras participan en Pedrafita nunha xornada sobre xestión do vacún


O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, clausurou este sábado en Pedrafita do Cebreiro a xornada Xestión Medioambiental de Explotacións de Vacún de Carne, organizada pola Asociación de Desenvolvemento Rural ODEGA e Unións Agrarias-UPA, grazas ao apoio da Deputación de Lugo. Un acto que contou coa presenza do Alcalde da localidade, José Luis Raposo, e do Secretario Xeral de UU.AA., Roberto García González.

Pablo Rivera subliñou que a institución provincial colaborou coa organización da xornada, que reuniu a 200 persoas no mercado gandeiro da localidade, porque  “o apoio ao sector primario é unha das liñas de traballo prioritarias que marcan a nosa acción de Goberno, e que mellor maneira de facelo que da man dos propios profesionais, dos propios produtores e das organizacións que os representan”.