A alcaldesa de Santiago deu a benvida aos participantes na xornada na que se presentaron diversos casos de aplicación da taxa turística e outros instrumentos de xestión noutros lugares como Cataluña, Porto, Málaga e Sevilla con obxectivo de promover un turismo de calidade e salientou que se trata dunha "grandísima oportunidade para mudar a situación actual", así como "un dos maiores retos que temos por diante".
A rexedora reiterou o compromiso do Goberno municipal de seguir a traballar por "planificar o turismo como unha actividade que achegue valor ao conxunto do concello e que sexa, polo tanto, compatible e enriquecedor da vida da veciñanza". "Sabemos que mudar o modelo que existe non se logra dun día para outro pero o noso obxectivo é traballar en parámetros de calidade para que o número de visitantes deixe de ser o máis importante e pase a selo os beneficios que todo este turismo xera para a nosa cidade e para Galiza", engadiu.