Alumnado da USC descubre a importancia da xestión das Reservas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses


A Deputación de Lugo ensinoulle esta semana a unha vintena de alumnos e alumnas da Universidade de Santiago de Compostela a importancia da xestión do territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá para favorecer a súa protección e conservación, así como o seu desenvolvemento sostible. Na xornada, que se celebrou na Casa das Insuas, en Rábade, participaron estudantes dos másteres en Enxeñería de Montes, que se imparte na Escola Politécnica de Lugo, e en Enxeñería Ambiental, que ofrece a Escola Técnica Superior de Enxeñería de Santiago. 

A Deputación colabora dende o ano 2017 con esta actividade universitaria, de maneira que unha das visitas que teñen os alumnos e alumnas das materias Planificación e xestión de espazos naturais protexidos e Planificación de sistemas naturais -que se imparten nestes másteres- é ás reservas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, xestionadas pola institución provincial.