As empresas e servizos turísticos reciben os selos de calidade SICTED


O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, acudiu este martes á Gala do Turismo Barbanza Arousa, onde se entregaron os selos de calidade SICTED ás empresas e servizos turísticos participantes, salientando o potencial turístico de Barbanza e Arousa e o apoio da entidade provincial tanto ao proxecto como ao territorio, que ronda os 100.000€ anuais dende 2015 para a mellora da calidade e competitividade.

A Mancomunidade Barbanza Arousa, que se adheriu ao proxecto SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística en Destino) este ano, recoñeceu así neste acto o bo facer dos diferentes axentes participantes en prol da mellora calitativa deste destino turístico.

É o caso das praias pobrenses de Lombiña – Cabío e Os Areos e a ribeirense de Coroso; o Centro Arqueolóxico de Barbanza, a Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital e o Museo Valle – Inclán e as oficinas de información turística da Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Ribeira, que son algunhas das certificacións, así como diferentes empresas que conseguiron o distintivo como portos deportivos, aloxamentos rurais, restaurantes, vivendas turísticas, unha sala de concertos, unha adega e un servizo de transporte turístico.