Ferrol xa deu o pistoletazo de salida para alumear a cidade durante o Nadal.
A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación á empresa Creaciones Luminosas SL do contrato de instalación e desinstalación de elementos de Nadal e Entroido para as campañas 2023-2024 e 2024-2025, polo importe total de 166.313,29 euros (21% de IVE engadido). O importe anual total por campaña é de 153.757,12 euros para as festas Nadal e de 12.556,17 euros para o Entroido, IVE engadido.
“Ferrol contará en Nadal con 350 arcadas, 33 árbores decoradas e 32 motivos en prazas aos que se sumarán máis de 100 arcadas e motivos de Nadal que son propiedade do Concello de Ferrol e que instalará a empresa de mantemento eléctrico”, avanzou o rexedor. En total, suman máis de 500 motivos lumínicos.