O Caudal Fest 2023 supuxo un retorno económico de 7,3 millóns de euros para o municipio de Lugo




En 2023, o Caudal Fest celebrou a súa edición máis exitosa ata a data, converténdose, de novo, na última gran festa do verán, lema co que naceu no 2018. Na súa quinta entrega, o festival lucense volveu ser unha das citas coa música en directo máis importante do terzo norte peninsular, co Concello de Lugo como principal impulsor e patrocinador.

Segundo datos achegados pola organización, foron un total de 37.567 persoas as que asistiron ao festival os pasados 15 e 16 de setembro. De novo, o paseo fluvial do río Miño nas inmediacións dos xardíns do Pazo de Feiras, foi a contorna ideal para que se desenvolvese o Caudal Fest, unha contorna natural privilexiada para celebrar unha cita como esta.