Participación amplía a programación do Mercado cunha nova edición da Xornada de Intercambio de Artigos Cervexeiros de Lugo
A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, e Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, presentaron a edición da Xornada de Intercambio de Artigos Cervexeiros de Lugo, organizada pola asociación de Coleccionistas Cervexeiros de Galiza. Cristina López destacou a mostra como "unha nova edición coa que buscamos repetir o éxito da xornada realizada o ano pasado ".
A xornada agrupará a máis de 20 expositores que mostrarán as súas pezas o vindeiro domingo, 29 de outubro, a partir das 11 da mañá. Achegaranse coleccionistas de botellas de cervexa, chapas, pousavasos, etiquetas, vasos serigrafiados e outros artigos coleccionables procedentes de todo o mundo. A concelleira de Participación destacou que "é unha oportunidade única para coñecer o mundo do coleccionismo relacionado coa cervexa", e engadiu "a veciñanza de Lugo poderá acudir de xeito gratuíto a ver as distintas coleccións".