Santiago si terá a súa taxa turística específica


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e Alfonso Rueda mantiveron esta tarde unha xuntanza na sede da Presidencia da Xunta na que a rexedora compostelá lle trasladou ao titular do executivo autonómico "unha serie de temas de colaboración institucional para traballar en sinerxía" entre ambos os entes. Na xuntanza, o titular da Xunta comprometeuse a autorizar a aplicación da taxa turística para Santiago e a avanzar na construción de vivenda pública.

En canto a unha das medidas "máis importantes das que presentabamos", a da implantación dun imposto para as estadías turísticas, "houbo receptividade por parte do presidente da Xunta", que lle confirmou á rexedora a autorización da taxa turística a través dunha habilitación especial para que Santiago a poida implantar, en base ao estudo realizado polo catedrático da USC García Novoa e á proposta de Proxecto de lei presentado polo Concello no marco do plan de turismo sustentábel. Goretti Sanmartín agradeceu a colaboración do presidente da Xunta neste punto e anunciou que o próximo paso será "acabar de concretar como se fará dende o punto de vista técnico".