Un obradoiro de emprego recuperará e poñerá en valor a pegada histórica do Camiño de Santiago na Coruña
O Centro Municipal de Emprego dos Rosales acolleu o inicio oficial do obradoiro de emprego 'Unha venta ao porto medieval da Coruña', no que 16 alumnos e alumnas formaranse durante un ano para dixitalizar e desenvolver contidos culturais ao redor das pegadas do que foi o máis importante punto de chegada por mar de peregrinos do Camiño de Santiago durante os séculos XV e XVI.
A concelleira responsable da área de Benestar Social, Yoya Neira, acompañou ao alumnado no inicio do curso xunto co concelleiro de Emprego, Juan Ignacio Borrego, e o delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor. A concelleira destacou que este obradoiro servirá para que mozos e mozas teñan un acceso con plenas garantías ao mercado laboral. "Ides recibir unha formación que vos abrirá as portas a un sector en auxe non só na nosa cidade, senón en todo o mundo: as novas tecnoloxías aplicadas á difusión da cultura para facela máis accesible a todo tipo de públicos", dixo Neira.