A Mesa de Calidade de "Ourense Termal" renova 25 servizos turísticos e propón tres máis para a súa certificación
A Mesa de Calidade Turística do Destino "Ourense Termal" reuniuse no Pazo Provincial para propoñer a renovación dos 25 servizos turísticos que foron certificados o ano pasado, logo de que todos eles realizaran a formación requirida, así como as actuacións previstas no seu correspondente plan de mellora.
Xunto a estas entidades e empresas, que forman parte ademais dun "Grupo de Traballo sobre sustentabilidade e economía circular" no destino, a Mesa de Calidade propuxo tres novos servizos turísticos para ser avaliados polo seu "Compromiso de Calidade Turística" nos municipios do Carballiño, Ribadavia e Lobios. Trala revisión por parte deste órgano, todos eles trasladaranse ao Comité de Distinción Nacional que terá lugar no mes de decembro.
Esta acción forma parte do Plan de Sustentabilidade Turística en "Ourense Termal" que executa a Deputación de Ourense, a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. A partir do mes de xaneiro, poderán iniciar a formación os novos servizos turísticos para optar a ser distinguidos o vindeiro ano.