A revista HG&T vén de publicar un número con toda a súa potencia, o 244, que ofrece como contido estrela unha cata transfronteiriza (a número LIII) cun aliciente: o rescate de 30 botellas con memoria histórica que foron sometidas á proba dun xurado en Valença de Minho. E deron o do de peito, vaia se o deron.
A maiores, catáronse case 150 etiquetas, moitas das cales non se quedaron á zaga dos 400 puntos. Ao longo dos vindeiros días iremos desgranando os caldos gañadores das distintas catas, posto que como é habitual se organizaron diversas categorías segundo a procedencia e as características dos viños.
Máis alá da cata, nos seus contidos, a nosa revista dá voz aos presidentes das deputacións de Pontevedra, Luis López, e de Ourense, Luis Menor, con dúas preguntas: o peso do turismo intersectorial con políticas intercomarcais e as principais propostas nas estratexias patrimoniais (recursos e produtos turísticos).
Completan as informacións, ademais das sección de opinión, unha ampla reportaxe con propostas para servir unha boa mesa tanto no outono como no Nadal: dende os viños e entrantes ata os mariscos, pasando polos queixos e sen esquencer un cocido ou un bo lacón con grelos.
Entrevista
Con motivo do décimo aniversario do Clúster de Turismo entrevistamos a Cesáreo Pardal, presidente desta organización, quen aposta pola desestacionalización, un fenómeno no que pouco a pouco se vai avanzando: “Xa seis de cada dez turistas veñen fóra da temporada”, manifesta.
As sección +Itinerarios, En Ruta, Directo-R, coas críticas e experiencias do director e fundador de HG&T, Guillermo Campos, completan un número situado no umbral dos 30 anos, sendo a publicación a única revista da península que promove, convoca, realiza e publica as eno-gastro-catas-transfronteirizas. Así o destacou o director ante o presidente da Cámara Municipal de Valença, Vaz Carpinteira, na convocatoria que tivo lugar na marabillosa Quinta do Prazo.
Historia
Foi no ano 1995 cando se publicou a primeira revista, HG por aquel entonces (o T engadiríase máis tarde) cunha aposta decidida pola Eurorrexión. Esta certeza escenificouse en Valença, onde se cataron vinos atlánticos con peso no mercado transfronteirizo, territorios vitivinícolas situados a occidente da liña que na nosa imaxinación percorre dende A Rioxa ata máis alá do Tejo.