Concello e hostaleiros de Santiago avanzan na creación dunha mesa para o diálogo co sector


Nunha reunión entre os hostaleiros de Santiago e o concello confirmouse a adhesión dos primeiros á campaña municipal 'Fala Baixiño' e a vontade conxunta das dúas partes para a creación dunha mesa que sirva de "canle formal, estábel e de diálogo", como indicou a alcaldesa. Participaron na xuntanza a rexedora de Santiago, Goretti Sanmartín; os/as concelleiros/as María Rozas, Míriam Louzao e Iago Lestegás; e os/as representantes das principais asociacións de hostalaría da cidade.

Tras o encontro, a rexedora congratulouse da boa acollida da proposta para establecer "unha canle formal, estábel e de diálogo entre o Concello e as asociacións de hostalaría". "Presentamos un primeiro borrador do que podería ser unha proposta a respecto do funcionamento desa mesa de hostalaría que se vai estudar a partir das próximas semanas", engadiu.