El Boni gaña o XVIII Concurso de Tapas de Lugo


Os consumidores das tapas da décimo oitava edición do Concurso de Tapas de Lugo decidiron que a vitoria fose para a tapa “Noite meiga”, presentada por El Boni. Así o desvelou esta mañá a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl) nun acto que tivo lugar no Museo Interactivo da Historia de Lugo e no que estiveron presentes o vicepresidente da Apehl, José Manuel Cela; a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López.

Cela subliñou o éxito desta edición e a numerosa participación que se acadou con respecto ao consumo das tapas e ás votacións: “Foron 40.000 as tapas vendidas durante os quince días de duración do certame, coas que se alcanzou un volumen de negocio duns 250.000 euros, superando o do último ano”.

Desde a Apehl tamén fixeron pública a decisión do xurado técnico, formado por Quique Rodríguez Ricardo Fernández, Asier Oyarzabal y Mercedes González. O primeiro premio foi para Hotel Mercure Lugo-Brasas Brancas, pola tapa “Salmonete de Burela á brasa, zamburiñas e crocante de tapioca”; o segundo premio concedéuselle ao restaurante Prebe by Bret, por “Xurelo Black Coupage”; o terceiro premio, a Paprica, por “Vendetta da Ulloa”; a mellor maridaxe con Estrella Galicia conseguiuna Mesón El Castillo, con “El Perrito del Castillo”, e a mellor maridaxe con D.O. Ribeira Sacra, foi para Pulpería O Castelo, con “Bombón mar e montaña”.