Lugo é o sexto destino máis buscado en Booking.com nunha lista liderada por Pontevedra


A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, recibiu a un grupo de estudantes do grao de Turismo da Universidade de León. A concelleira Maite Ferreiro explicou o traballo realizado nos últimos anos polo Goberno de Lugo en materia turística “posicionando a Lugo como un destino estratéxico á hora de visitar Galiza”.

Ferreiro afirmou que “ano a ano vemos como a acción da área de Turismo continúa a mellorar os datos de visitantes”, e engadiu “a plataforma booking.com sitúa a Lugo no sexto posto dos destinos máis buscados do 2024, unha lista que lidera a cidade de Pontevedra”. Para a edil de Cultura, “isto demostra que Lugo está xa no mapa dos destinos turísticos de calidade, tócanos seguir traballando para consolidar este posto e seguir mellorando para ser un referente a nivel estatal e internacional”.