O Concello de Rois (A Coruña) acolleu unha nova edición do encontro sobre ‘A España despoboada’ que organiza a Cadea Ser. Nesta ocasión, contou coa intervención do presidente do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, Jesús González, que participou na mesa redonda sobre o relevo xeracional no medio rural. Compartiu diálogo coa responsable de emprendemento da Fundación Roberto Rivas, Vanessa Loureiro, o encargado do sector lácteo de UUAA, Óscar Pose, un gandeiro de leite de Trazo, José Manuel Liñares, e o conselleiro de dirección de Feníe Energía, Diego Padín.
Para Jesús González, garantir que a mocidade quede no campo pasa por “asegurar a viabilidade das explotacións gandeiras e agrarias”. Cuestión na que coincidiron os demais participantes no debate, que sinalaron que a continuidade das explotacións é difícil nun sector pouco estable a nivel económico.
O presidente do Consello Regulador apuntou a necesidade de máis servizos no rural e boas comunicacións, xa que, recordou, en moitas zonas a cobertura e o acceso a internet seguen sendo escasos. Tamén reclamou “políticas máis estables, con continuidade no tempo, que acheguen tranquilidade aos produtores”, posto que os constantes cambios normativos que parten da Unión Europea xeran preocupación no sector. Nesta liña tamén se manifestou Óscar Pose, que afirmou que as diferentes lexislacións non teñen en conta a realidade do campo.