O programa coruñés Talón Restaurante aposta pola prevención da dependencia e autonomía dos maiores


A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se aprobou a tramitación anticipada da nova convocatoria do programa municipal Talón Restaurante.

Esta iniciativa, impulsada pola Área de Benestar Social, ten como principais obxectivos a prevención da dependencia e a promoción da autonomía das persoas maiores, facilitando a súa interrelación coa súa contorna social máis próxima proporcionándolles, ademais, unha alimentación equilibrada. Ao mesmo tempo, a posta en marcha deste programa municipal tamén contribúe ao mantemento e fomento do emprego nun importante sector económico da cidade: a hostalaría.

A nova convocatoria do Talón Restaurante conta cun orzamento de 600.000 euros, partida coa que o Concello sufragará parcialmente o custo do menú que os establecementos hostaleiros poderán ofertar, a un prezo máximo de 9 euros (IVE engadido), ou ben un menú económico, por un máximo de 7,20 euros (IVE engadido).