Pontevedra encarga os proxectos dos fondos europeos de turismo para intentar executalos antes de decembro de 2024


A mellora lumínica da Illa do Covo e da Xunqueira da Gándara, a conexión do parque forestal da Tomba coa Xunqueira da Gándara e a sinalización da vía verde ao seu paso pola cidade, son tres dos proxectos de obra incluídos nos fondos europeos de turismo. Teñen un orzamento de 1,2 millóns de euros

Tamén se inclúen nestes fondos o Observatorio turístico e a promoción do Mercado de Abastos, ademais da empresa encargada da xestión das axudas. Teñen un investimento de 1,2 millóns

A concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías asegura que os prazos para executar estes fondos Next Generation están axustados pero “imos intentalo”. 

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías deu conta do estado de tramitación dos Fondos europeos Next Generation concedidos ao Concello de Pontevedra para o desenvolvemento do Plan de sostemento turístico en destino (PSTD) en setembro de 2021 que teñen unha contía de 2,4 millóns de euros. Anunciou que se comeza a tramitación para encargar a redacción dos proxectos técnicos coa intención de poder ter todo o expediente pagado e xustificado en decembro de 2024. Recoñeceu que o tempo xoga en contra e que os proxectos precisan de autorizacións doutras administracións (o que pode demorar a tramitación) pero “imos intentalo”.