Santiago dá a benvida ao Nadal este venres co acendido das luces e un amplo programa de actividades baixo a marca "Compostela, a estrela do Nadal"


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, avanzaron o programa das Festas de Nadal que este ano se presenta baixo a marca "Compostela, a estrela do Nadal", inspirada na simbólica estrela de oito puntas de Santiago. Este novo programa aglutina un amplo abano de actividades para todo os públicos e de diferentes barrios e parroquias baixo unha mesma marca co fin de converter estas festas "nas terceiras de entidade da cidade", tras o Apóstolo e a Ascensión.

Goretti Sanmartín salientou que "Compostela, a estrela do Nadal" é unha "proposta ambiciosa" que pretende converter esta celebración nun "espazo e momento de referencia para a poboación de Compostela e da comarca e mesmo do conxunto do país" con "actividades para todos os públicos" que cheguen aos distintos barrios e parroquias "facendo que sexan o máis descentralizadas posible". A rexedora expresou o seu desexo de converter esta celebración na "terceira festa de entidade en Santiago de Compostela" contando coa "implicación da xente" e a conexión deste novo enfoque "coa nosa historia e a nosa identidade".