Santiago promocionará emblemas propios no espectáculo de luz que conmemora o XXX aniversario do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou na Asemblea xeral do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade onde se aprobaron as actividades que se realizarán para conmemorar o XXX aniversario da constitución do Grupo. A principal proposta aprobada consiste nun espectáculo de luz, que se realizará con máis de 200 drons, e que incluirá emblemas propios de cada unha das 15 cidades. Este espectáculo será recollido posteriormente nun vídeo promocional que se utilizará para difundir conxuntamente a singularidade de cada cidade en eventos internacionais.
A conmemoración do XXX aniversario do Grupo tamén incluirá, tal e como quedou aprobado na sesión que tivo lugar hoxe no Salón de Plenos da Casa Consistorial de Alcalá de Henares, un torneo de rugby entre equipos, masculinos e femininos, das 15 cidades, e espectáculos de música clásica, con protagonismo de artistas locais, en localizacións patrimoniais emblemáticas de cada cidade participante.