O complexo turístico A Torre de Laxe acolleu o III Encontro de Turismo da Costa da Morte, organizado pola Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) . O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo da Coruña, Xosé Regueira, participou no acto, onde destacou a sustentabilidade e calidade da Costa da Morte, "un destino moi competitivo no esceario mundial do turismo", sinalou. Regueira fixo tamén referencia á unión do sector na comarca. "O gran éxito do turismo pasa pola colaboración e a cooperación".
"Este territorio é un exemplo de sustentabilidade. Sodes quen de explotar os recursos naturais e turísticos dende o máximo respeto, e de xerar riqueza e oportunidades conservando sempre a autenticidade", apuntaba Regueira. Ademais, mencionou a calidade da comarca nos seus produtos e servizos turísticos. "O tecido empresarial está traballando para gañar en competitividade e excelencia. Debemos seguir nesa liña de facer as cousas ben, pensando tamén no futuro da sociedade e do planeta", engadiu, "e buscando o equilibrio entre a calidade e a cantidade, con responsabilidade"
Neste sentido, o vicepresidente nomeou os 5 plans de sustentabilidade turística da provincia, un deles na Costa da Morte. "Dende a Deputación, imos colaborar cos xeodestinos da provincia, a través de liñas que permitan manter a calidade e a competitividade, que van sair no primeiro trimestre", relatou. "A Costa da Morte recibe cada ano en torno aos 300.000€ que lle permiten apostar pola sustentabilidade e a innovación".