Dez meses, 6,4 millóns de viaxeiros aloxados en Galicia


O turismo galego mantén ata outubro a senda do crecemento segundo se constata cos datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística, que eleva a máis de 6,4 millóns de viaxeiros aloxados nos establecementos turísticos nos 10 primeiros meses do ano que fixeron máis de 12 millóns de noites, o que supón incrementos do 6,5 % e do 5,9 %, respectivamente. Esta situación está a repercutir, ademais, desde o punto de vista económico, no sector como indican os índices de rendibilidade hoteleira que están incrementándose un 7 %, os datos máis altos desde que hai rexistros.

O bo comportamento da demanda neste período vén como consecuencia dos incrementos rexistrados en nove dos 10 meses, de xeito especial no primeiro semestre, coincidindo coa temporada baixa, con subas do 32 % en xaneiro, do 8 % en febreiro, do 20 % en marzo, do 15 % en abril, do 7,5 % en maio e do 3,1 % en xuño.

No acumulado ata outubro Galicia colócase como o primeiro destino do norte peninsular en demanda turística e o sétimo destino máis importante de España, por detrás de Cataluña, Canarias, Baleares, Andalucía, a Comunidade Valenciana e Madrid.