Mercado de artesanía alimentaria no Nadal lugués

 


O mercado Artesanía Alimentaria no Nadal de Lugo, organizado pola Xunta de Galicia, inaugurarase este venres, 15 de decembro, ás 16,00 horas na Praza Horta do Seminario. A feira, que se desenvolverá durante toda a fin de semana, contará cos postos de preto dunha trintena de empresas produtoras, que comercializarán produtos amparados baixo o indicativo Artesanía Alimentaria.

Ao longo da fin de semana sucederanse actividades para a toda a familia -algunhas destinadas especialmente aos máis pequenos da casa- que poñen en valor os produtos agroalimentarios galegos. Así, mañá, aparte da inauguración e un espectáculo de teatro infantil, haberá unha demostración de cociña sobre merendas artesás, na que se poderá aprender a elaborar petiscos doces e salgados para as datas do Nadal por parte do chef Héctor López do restaurante España.

Por outra banda, o sábado haberá un obradoiro de almorzos de Nadal -a cargo de Álvaro Villasante do restaurante Paprika- con produtos de Artesanía Alimentaria e catas de queixo e cervexas artesás. Os asistentes poderán gozar tamén dunha degustación de sobremesas doces. Para finalizar, o domingo -derradeiro día da feira- haberá unha clase de elaboración de galletas. Ademais, cada día sortearanse tres lotes de produtos identificados co selo que garante Artesanía Alimentaria.