O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou a programación da Xunta de Galicia do 30 aniversario do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade, que incluirá música, reflexión e arte para conmemorar un recoñecemento, dixo “que chegou despois de que seis anos antes fose declarado primeiro itinerario Cultural Europeo e que recoñeceu a súa achega histórica pero tamén o seu renacemento como senda vida e espazo de encontro plural, solidario e aberto, que mantén intacto a día de hoxe”.
Estas actividades comezan o 10 de decembro, data na que o Camiño Francés obtivo este recoñecemento e o sábado 16 será o acto central da efeméride. Na compaña de rexedores e representantes da Asociación de Municipios de Camiño de Santiago, así como dos rexedores galegos dos concellos polos que pasan camiños xacobeos de Galicia, asociacionismo e o mundo académico vinculado coa ruta xacobea, afondarase no Camiño de Santiago desde diferentes perspectivas. O urbanismo, a sustentabilidade, o patrimonio, as políticas públicas, a arte, a historia con mesas redondas cun salientable espírito europeísta, que permitirán repasar estas tres décadas e reflexionar sobre o futuro.