A Lei da calidade alimentaria de Galicia entrou hoxe en vigor para reforzar a aposta da Xunta a prol da excelencia, a sustentabilidade e a promoción das producións primarias da nosa comunidade.O texto legal establece o marco normativo que permite asegurar a calidade dos nosos produtos alimentarios e que defende a lealdade das transaccións comerciais e dos dereitos e intereses lexítimos dos produtores primarios, operadores económicos e profesionais do sector, así como dos consumidores.
Ademais, a lei fomenta, potencia e garante a produción de alimentos de calidade diferenciada en Galicia e regula o funcionamento dos consellos reguladores como entidades de xestión de figuras de protección da calidade diferenciada. Neste sentido, promove tamén a profesionalización e a participación do sector e aposta, así mesmo, polo consumo e a compra pública de producións de proximidade.
O texto converte a Galicia na primeira comunidade autónoma que regula unha certificación de sustentabilidade para a produción alimentaria, de forma que se establece un sistema baseado nun conxunto de normas encamiñadas a garantir o respecto ao medio ambiente, a calidade e a seguridade alimentaria, a protección das persoas traballadoras e a cidadanía, e unha renda adecuada para os diferentes elos da cadea de valor, especialmente no caso dos operadores primarios.
Tendo en conta estas premisas, a norma recolle a regulación do fomento e do desenvolvemento da produción amparada polos distintivos de calidade diferenciada -como as denominacións de orixe ou as indicacións xeográficas protexidas-, que recoñecen uns altos estándares de calidade e permítenlles ás persoas consumidoras recoñecer no mercado estes produtos con maior valor engadido.