O Cociñeiro Galego 2024 darase a coñecer no Galicia Fórum Gastronómico



A tarde do domingo 7 de abril darase a coñecer o nome do Cociñeiro Galego 2024, un galardón que enaltece e recoñece o labor dos cociñeiros emerxentes que ofrecen propostas culinarias de calidade, utilizan produtos de proximidade, fan unha cociña sustentable e difunden estes valores. Ese día terá lugar a sesión na que os 5 candidatos cociñarán en directo un prato que os identifica e que resume a súa cociña e a súa filosofía.

Os finalistas son: Alba Aguiar e Álex Falcón (D’Leria, Carril, Pontevedra), Alberte Gutiérrez (Alberte, Vigo, Pontevedra), Begoña Vázquez (O Regueiro da Cova, Verín, Ourense), Fernando Rodríguez (O Secadeiro, Outes, A Coruña), e Víctor Conus (La Mesa de Conus, Vigo, Pontevedra).

Os candidatos, preseleccionados por un xurado formado por un acreditado grupo de profesionais (xornalistas, cociñeiros, gastrónomos) cunha ampla traxectoria no sector, destacan por ofrecer nos seus establecementos unhas propostas culinarias arraigadas á terra e á súa contorna e por apostar pola sustentabilidade.

As votacións realizaranse a través da web www.galiciaforumgastronomico.com /cocinerogallego e o período de votación, que xa comezou, finalizará o 31 de marzo. O gañador ou gañadora do concurso elixirase sumando as votacións do público, a través da web, e o voto do xurado profesional, en porcentaxes paritarias do 50 e 50%.

Entre as persoas que emitan o seu voto a través da web sortearase unha comida para dúas persoas en cada un dos restaurantes nomeados. A entrega de premios terá lugar ás 14.30h no espazo Auditorio de Galicia Fórum Gastronómico. Nas anteriores edicións os premiados foron Diego López (La Molinera, Lalín) en 2014; Gorka Rodríguez (A Pulpeira de Melide, A Coruña) en 2015; Jorge Gago (A Maceta, Santiago) en 2017; Alén Tarrío (Pampín, Santiago) en 2019 e Moncho Méndez (Millo, A Coruña) en 2022