A Fundación Semana Verde e Clusaga xuntos e máis fortes



O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e a Fundación Semana Verde de Galicia (FSVG) veñen de renovar o seu convenio de colaboración a prol do sector alimentario e das bebidas galego por oitavo ano consecutivo. Este acordo permitirá que as dúas entidades continúen incrementando a capacidade de negocio e internacionalización do sector, así como a promoción da súa actividade en materia de innovación, marketing, sustentabilidade e excelencia.

Este convenio supón que Clusaga colabore de xeito activo na organización dos Encontros Internacionais con Compradores do 27º Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca), a celebrar no marco da 46ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.

Grazas á súa experiencia na selección de importadores, o Clúster incrementará a calidade das reunións, atraendo aos países con maior interese pola oferta de alimentos e bebidas presente na Feira. Ao tempo, isto favorecerá a capacidade de negocio das empresas participantes, impulsando así a internacionalización de produtos de alimentación e bebidas de Galicia.

Así, a sinatura deixa constancia do apoio da FSVG á promoción de alimentos, bebidas e iniciativas do sector alimentario galego, ao implicar o seu respaldo ao Foro e Premios Galicia Alimentación de Clusaga, o encontro sectorial anual que premia e promociona os mellores alimentos, bebidas e iniciativas desenvolvidas ao longo da cadea de valor.

O Salón de Alimentación do Atlántico Salimat Abanca volverá ser o punto de encontro do sector alimentario e gastronómico na súa 27ª edición, que terá lugar do 30 de maio ao 2 de xuño. A área expositiva seguirá apostando por conxugar a presenza da gran distribución coa de empresas de produtos de calidade, artesáns, gourmet, ecolóxicos e innovadores.