O Centro do Viño da Ribeira Sacra en Monforte acolleu o acto inaugural do Estase Cocendo 2024, evento organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) e patrocinado pola Deputación de Lugo, que se desenvolverá ata o domingo 24 de marzo. Na presentación dedicouse esta décimo sexta edición das Xornadas do Cocido da Ribeira Sacra á historia do ferrocarril na comarca.
O acto contou coa presencia de Cheché Real, presidente da Asociación de Empresarios de Hostelería e
Turismo de Lugo (Apehl); Gloria Prada, primeira tenente de alcalde do Concello
de Monforte de Lemos; Pilar García, deputada da Área de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación
de Lugo, e Paloma Vázquez, xefa da Área
Provincial de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo. Ademais, tamén estiveron presentes o director
xeral de Renfe Viaxeiros, Javier Pérez; o director do Museo do Ferrocarril de
Galicia, Luis Álvarez, e a delegada da Apehl en Monforte de Lemos, Beatriz
Vila.
Real deu a coñecer os establecementos participantes nesta cita gastronómica xa clásica da Ribeira Sacra. “O público poderá degustar este prato típico en máis dunha trintena de establecementos hostaleiros das localidades de Bóveda, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Portomarín, Ribas de Sil, Quiroga, O Saviñao e Sober” enumerou.
Ao longo de todo o mes, algúns
locais ofrecerán tapas de cocido –a un prezo de 1,5 €– nas fins de semana e
outros porán a disposición dos clientes cocido de menú ou de prato do día. Como
xa viña sendo habitual en anteriores edicións, tamén haberá prezos especiais en
numerosos hoteis, pensións e casas de turismo rural da comarca.