Algo se volve a cocer na Ribeira Sacra


A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl presentará este venres, 8 de marzo, unha nova edición do Estase Cocendo no Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos, ás 18:30 h.

A décimo sexta edición das Xornadas do Cocido da Ribeira Sacra celebrarase por toda a comarca dende o 9 ao 24 de marzo, ambos incluídos.

Os establecementos hostaleiros ofrecerán tapas e menús onde o cocido será o protagonista, ademais de suxestións especiais. Exporán un cartel que os identificará como participantes e no seu interior haberá dípticos informativos cunha relación de toda a información do evento.

Este ano, volverase a realizar un sorteo, nesta ocasión de produtos de porco da Asociación Prodeme. Levarase a cesta quen teña a rifa coas catro últimas cifras iguais que as do número premiado no sorteo da ONCE do 30 de marzo. Se en 10 días non aparece o gañador, o segundo sorteo de referencia será o do 13 de abril.

Neste 2024, englobamos de novo ao sector hostaleiro de toda a zona, que ofrecerá ofertas especiais para todos os que se animen a visitar o territorio e a gozar da paisaxe, ademais haberá diferentes actividades, como visitas guiadas, quedada de motos ou o III Aquelarre das Meigas, para que a xente se anime a comer o cocido e a divertirse nestas datas.

No acto de presentación adóitase contar cun compadre ou cunha comadre protagonista. Este ano o Estase Cocendo vai dedicado á historia do ferrocarril na comarca da Ribeira Sacra, por iso estará presente o director xeral de Renfe Viaxeiros, o monfortino Javier Pérez.