A Ribeira Sacra encóntrase en plena celebración do Estase Cocendo 2024, tres semanas dedicadas a un dos pratos estrela da comarca, o cocido. O programa do evento, organizado pola Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) co patrocinio da Deputación de Lugo, conta para este sábado, 16 de marzo, co III Aquelarre das Meigas.
Durante o día terán lugar varias actividades gratuítas, como un obradoiro para nenos, impartido por María Cao no Centro do Viño da Ribeira Sacra, de 12:00 h a 13:30 h e de 18:00 h a 19:30 h; un concerto da banda De-Loreans en AWA Monforte ás 18:15 h, e a concentración das meigas na praza de España ás 19:30 h a ritmo de Batucada Creativa. Manuela Fuentes lerá un manifesto. A maiores, ás 14:30 h, está tamén prevista unha comida de cocido no restaurante O Grelo.