Premier en Alimentaria de Ternera Gallega Suprema Ecolóxica



Ternera Gallega Suprema Ecolóxica presentouse por primeira vez ante o público profesional  no marco dunha das feiras de alimentación máis recoñecidas a nivel internacional Alimentaria Barcelona, que se celebra ata o próximo día 21. Desde o stand da Agacal, o Consello Regulador que xestiona a IXP Ternera Gallega e o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia ofreceron un showcooking desta carne certificada, ao que asistiron os presidentes de ambas entidades, Jesús González (IXP Ternera Gallega) e Francisco López (Craega), xunto ao director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos.

O chef Marco Varela (Restaurante Sábrego, Ribadavia) fixo un percorrido por diferentes pezas e cociñados para amosar a calidade e as posibilidades gastronómicas de Ternera Gallega Suprema Ecolóxica. Como primeiros pratos, presentou un tartar de solombo e un tataky elaborado coa croca; para seguir con cortes á grella: a singular tapa da pa e o tradicional entrecosto. Rematou cun costelar a baixa temperatura. Estas elaboracións estiveron acompañadas doutros produtos con indicativo de calidade e con selo do Craega, coma queixos, hortalizas e viños.