A cidade de Lugo converterase o 16 de abril en pasafrela promocional dos viños valdeorreses, que desembarcan no Círculo de Artes da cidade da muralla para darse a coñecer entre diferentes tipos de público, principalmente de carácter profesional.
Farano no marco dun evento denominado Valdeorras, berce mundial do godello, que promove o Club de Cata Vitislucus en colaboración co Consello Regulador e co Club de Viños do propio espazo no que se desenvolverá a iniciativa, concretamente no Salón Rexio do Círculo.
O evento incluirá un túnel do viño no que os asistentes poderán degustar referencias de diferentes adegas da comarca, que se celebrará a mediodía. Esta actividade é gratuíta para os socios do Círculo de Artes (mentres que aqueles que non sexan socios poderán acceder mediante o pagamento de seis euros por entrada).
Nesta mesma xornada, ademais, haberá unha cata maxistral a cargo do director técnico da D.O., Jorge Mazaira, cun aforo limitado a 25 prazas (para o que se seguirá, de xeito rigoroso, a orde de inscrición).
Mercedes González, presidenta de Vitislucus e impulsora da iniciativa, sinala tamén que no marco do evento desenvolverase unha comida-maridaxe, á que se poderá asistir con reserva previa (a un prezo de 35 euros por comensal).