A Axencia de Turismo de Galicia xunto coas cinco rutas do viño de Valdeorras, Rías Baixas, O Ribeiro, Ribeira Sacra e Monterrei veñen de presentar unha nova edición do programa ‘Primavera de Portas Abertas’ que, precisamente, bota a andar a fin de semana do 3 ao 5 de maio coa Ruta do Viño de Valdeorras.
Nun acto celebrado en Santiago de Compostela, os presidentes das cinco rutas e os responsables de turismo do Goberno galego valoraron a experiencia desta iniciativa en anos anteriores a prol da difusión do enoturismo nesta Comunidade.
O xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Antonio Casas, subliñou a variedade de elementos deste programa que coinciden co modelo turístico que se pretende impulsar desde a Xunta de Galicia. Como novidades da iniciativa destacou o incremento no número de participantes ao rexistrar 69 adegas, 13 restaurantes, 21 aloxamentos e un total de 60 iniciativas de turismo activo, ademais dunha nova ruta de buses que sairá da cidade de Ferrol. Finalmente, Antonio Casas, puxo en valor as posibilidades que ofrece o esta modalidade para desestacionalización do turismo.
Pola súa banda, o presidente da Asociación Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, destacou a ilusión coa que afronta esta nova Primavera de Portas Abertas’ esperando mellorar os indicadores de éxito alcanzados en anos anteriores. De feito, segundo adiantou, as previsións de participación así o indican ao completar practicamente a inscricións nas diferentes propostas formuladas pola Ruta nesta edición.