Primavera de Portas Abertas en Valdeorras




A Asociación Ruta do Viño de Valdeorras está a ultimar os detalles dunha nova edición da ‘Primavera de Portas Abertas’ coa que pretende amosar o seu territorio. O fin de semana do 3 ao 5 de maio, esta iniciativa buscará incentivar o desenvolvemento do enoturismo coma un dos máis importantes atractivos da comarca.

As primeiras das cinco xornadas que se celebrarán en Galicia, inauguraranse o venres 3 de maio, a partir das 20:00 horas, no Hotel Monumento Pazo do Castro, no Barco de Valdeorras. Este ano participarán trece adegas valdeorresas que se poden visitar mediante os buses do viño ou por conta propia durante a fin de semana.

Os participantes poderán gozar dunha gran variedade de atractivas actividades que farán que a súa visita a Valdeorras se convirta nunha experiencia enoturística inesquecible. Por só destacar algunhas das moitas opcións que se ofrecerán, os visitantes poderán descubrir a importancia histórica da viticultura na comarca, disfrutar de showcookings protagonizados por algúns dos pratos tradicionais máis coñecidos da comarca maridados cos viños da Denominación de Orixe, saborear xantares tradicionais amenizados cos sempre divertidos cantos de taberna; ou visitar algúns dos monumentos máis importantes da provincia de Ourense, coma o santuario barroco das Ermidas ou o Castelo medieval do Bolo.