A Apehl e Afigal facilitan o crédito á hostalería

 


Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) e de Hostelería de Galicia, e Pilar Núñez, vicepresidenta primeira de Afigal, asinaron esta mañá un convenio para apoiar os empresarios do sector conscientes da importante contribución que este colectivo aporta á economía do país.

No acordo consta que a Sociedade de Garantía Recíproca prestará servizos financeiros ao colectivo co fin de que poidan acceder ás mellores liñas de financiamento. Así mesmo, buscan estandarizar o proceso de canalización das solicitudes co obxectivo de facilitar o acceso ao crédito dos establecementos que formen parte da Asociación.

Os beneficiarios deste novo acordo de colaboración poderán acceder a avais financeiros en condicións preferentes na modalidade de préstamo, crédito ou liñas de circulante; reestruturacións de pasivos a través de entidades financeiras, e liñas de avais especiais (aval directo). Ademais, todas as operacións solicitadas polos membros da Asociación ao abeiro deste convenio terán unha bonificación da totalidade dos gastos de estudo.

Mediante este acordo, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo convértese en socio protector de Afigal.