O Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, que celebrará a súa 27ª edición do 30 de maio ao 2 de xuño xunto á feira Abanca Semana Verde, volverá desenvolver os Encontros Internacionais de Compradores, un espazo de negocio que facilita ás empresas presentes no certame a apertura de novos mercados, tanto en España como noutros países.
Nesta ocasión o salón aumenta o número de compradores presentes un 22%, ofrecendo aos seus expositores a oportunidade de mostrar os seus produtos a 33 importadores e distribuidores alimentarios de dezanove países, como son Alemaña, Austria, Bélxica, Brasil, Canadá, Costa Rica, España, Finlandia, Francia, Italia, Israel, Xapón, Lituania, México, Malta, Polonia, Reino Unido, República Checa e Suecia.
Deles, vinte e catro son importadores e os restantes son compradores nacionais, correspondéndose con catro distribuidores e catro cadeas de distribución alimentaria españolas ou con presenza no país como son Carrefour, Gadisa, El Corte Inglés e Lidl, sendo a primeira vez que esta última participa nos Encontros. Unha incorporación que amplía as oportunidades dos expositores de salón.
Na súa inmensa maioría mostraron a súa preferencia en coñecer aceites, viños e outras bebidas alcohólicas, queixos e lácteos, conservas, elaborados cárnicos, snacks ou mel, ademais de produtos gourmet, ecolóxicos e de pequenos produtores.
Estes Encontros Internacionais de Compradores de Salimat Abanca 2024, os cales contan co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a colaboración do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), posibilitarán ás empresas presentar directamente os seus produtos aos compradores a través de reunións axendadas en función dos intereses de ambas as partes. Estas serán durante todo o primeiro día e ata o mediodía da segunda xornada do certame.
Son así unha eficaz ferramenta comercial, especialmente para a pequena e mediana empresa, a cal ten a posibilidade de que as súas propostas sexan incluídas na carteira de produtos dos compradores e os lineais da gran distribución.
Ademais das reunións de negocio, moitos dos importadores e distribuidores visitarán varias empresas galegas e tamén a distintos enclaves turísticos de interese da Comunidade.