A unha semana da celebración da gala de entrega dos Premios D.O. Ribeiro, prevista para o día 27 de xuño, a presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Concha Iglesias, presentou dous dos seus galardóns máis prezados, Vida entre Vides, que este ano recaeu na Asociación de Mulleres Rurais do Ribeiro, e Ribeiro en Nós, co que a entidade distinguirá á Asociación Galega de Enoloxía. Fíxoo no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, acompañado por Mateo Alonso San Román, coordinador de Banca Institucional de Abanca en Ourense, un dos principais colaboradores xunto a Galicia Calidade.
A Asociación de Mulleres Rurais do Ribeiro súmase aos galardoados con este premio en anteriores edicións, os viticultores Delfina Alén Bedrón e Cristian Vázquez Barreira (2023), Pepe Estévez (2022), a adegueira Xulia Bande (2021), Alfonso Albor Rodríguez (2020), Emilio Rojo (2019), Avelino Lorenzo (2018), Arsenio Paz (2017) e Manuel García Montero (2016).
Con respecto ao Premio Ribeiro en Nós, presidida por David Pascual Rodríguez, a asociación está actualmente envorcada en revalorizar a profesión dentro de Galicia e facer cumprir os regulamentos que regulan aquelas prácticas enolóxicas que deben realizarse baixo a supervisión dun enólogo ou dun técnico cualificado. Unha tarefa que tal e como lembrou Iglesias “afecta directamente á Seguridade da Cadea Alimentaria, xa que non hai que esquecerse que o viño está considerado un alimento”.
A Asociación Galega de Enoloxía será a cuarta entidade que reciba este galardón, que en anos anteriores recaeu na Festa da Istoria de Ribadavia, a investigadora Emilia Díaz Losada, responsable do departamento de Viticultura na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGAL), e o equipo da película Cuñados, da produtora Portocabo.
Ademais, lembrou que estes dous novos galardóns súmanse aos xa anunciados en días pasados, os do xornalista Fernando Ónega, presidente do diario dixital 65ymas, distinguido como Persoeiro de Honra 2024; a sumiller Silvia García Seixo, Head Sommelier no Hotel Mandarin Oriental Ritz e unha das Top 100 Sommeliers en España, que recibirá o premio Muller e Viño, e o Grupo Gourmets, fundado en 1976 e primeira empresa editorial especializada en gastronomía, viño e viaxes, e organizador da feira Salón Gourmets, recoñecido nesta edición co Premio Mellor Tarefa de Comunicación.
Aínda quedan por coñecerse tres premiados máis, os establecementos que serán recoñecidos como Mellor Servizo en Restaurante, Mellor Vinoteca-Tenda Especializada, e Mellor Taberna-Bar de Viños, mentres que o día da gala coñeceranse os viños gañadores da Cata Oficial.