Gadis recicla



Gadis puxo de novo en circulación 10.000 toneladas de cartón, madeira e plástico no ano 2023, a través de diferentes sistemas de valorización e proxectos de economía circular. A xestión responsable dos recursos e residuos en toda a cadea de valor é un dos catro vértices da súa estratexia ambiental, da que fai balance con motivo do Día Mundial do Medio. Os outros eixos desta política son a loxística inversa e eficiente, crucial en empresas do sector da distribución e alimentación; o apoio aos provedores de proximidade, que permite reducir as rutas; e a eficiencia enerxética.

O sistema de xestión ambiental de Gadis promove as tres R (reducir, reutilizar e reciclar) como parte da súa cultura corporativa. Esta filosofía permítelle mellorar cada ano as estatísticas en toda a cadea e na súa sede central, onde se lles dá unha nova utilidade a máis do 95% dos residuos e levan a cabo 4,8 millóns de movementos de caixas de plástico e outros envases reutilizables, o que frea o emprego doutros recursos. Tamén como parte dun proxecto de economía circular, transforma parte do cartón reciclado en caixas para preparar os envíos dos pedidos a domicilio dos clientes de Supermercado Gadis.

A empresa renovou por segundo ano consecutivo, neste 2024, o selo ‘‘De Residuos A Recursos: Zero A Vertedero’ de Saica Natur, que acredita o seu compromiso coa sustentabilidade ambiental. Un equipo de máis de 30 profesionais fai que o sistema funcione á perfección, preparando e xestionando o envío dos materiais que chegan diariamente dos puntos de venda ás empresas especializadas para a súa posterior reciclaxe.