Así mesmo, salientaron que se trata do único camiño de peregrinación que xerou unha ruta comercial fixa e estable, operada desde a Ría de Vigo por unha navieira con veleiros de cruceiro. Un circuíto que xa ten programadas múltiples saídas para este verán de 2024, con pasaxe aínda dispoñible para os próximos 26 de xuño, 24 de xullo, 28 de agosto e 11 de setembro na web: https://sailway.es/producto/camino-maritimo-a-santiago-de-la-ria-de-muros-noia/
Outra das tendencias analizadas na reunión é que o Camiño Marítimo da Ría
de Muros Noia estase consolidando como a ruta de peregrinación preferente para
todos os tránsitos procedentes do sur de Galicia. Isto débese fundamentalmente
ao precepto das 90 millas náuticas que se recolle na Credencial do Peregrino, é
dicir, que para que unha navegación sexa considerada peregrinación debe ser
feita a vela e cun percorrido mínimo por mar de 90 millas náuticas. Así o
amosan os datos recollidos pola Ría da Estrela despois de cinco anos de colaboración
con distintos promotores (navieiras, asociacións náuticas, portos deportivos,
clubs náuticos...).
A presidenta da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Teresa Villaverde, defendeu diante de todos os rexedores “a necesidade de seguir potenciando a dimensión cultural do Camiño da Ría de Muros Noia e as alianzas internacionais como a que está en marcha coas cidades de Venecia e Creta, así como coa Rexión de Rost en Noruega para a declaración da Vía Queriníssima como itinerario Cultural Europeo do Consello de Europa”. Un itinerario cultural do que forma parte o Camiño da Ría de Muros Noia e cuxo trazado inicial foi establecido pola escuadra naval da Segunda Cruzada no século XII, se ben o itinerario definitivo foi establecido sobre o traxecto realizado polo navegante veneciano Pietro Querini a mediados do século XV e que o trouxo a Muros e á Catedral de Santiago.