Monforte presume de viño e de capitalidade da Ribeira Sacra

 


Acaba de celebrarse con gran éxito a VI Feira do Viño da Ribeira Sacra na contorna do malecón de Monforte de Lemos. O evento destacou tanto pola calidade dos viños presentados como pola súa variada oferta cultural e gastronómica. Un total de 34 adegas participaron na feira, representando as cinco subzonas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra: Amandi, Chantada, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Miño e Ribeiras do Sil. 

Así, os asistentes puideron degustar unha ampla gama de viños, reflectindo a diversidade e excelencia desta rexión vitivinícola e acompañalos de bocados sólidos ofertados polos 12 participantes na área gstronómica: queixos, xamóns e racións elaboradas por restaurantes de Monforte. 

O alcalde da loc alcalde da localidade, José Tomé, destacou que a feira atrae a miles de visitantes cada ano, dinamizando a economía local e beneficiando á hostalería e o comercio da comarca. Ademais, as populares Vinorutas, tanto en Quad pola Ribeira do Sil como en Zodiac polo Miño, ofreceron aos visitantes unha forma única de explorar a beleza natural da Ribeira Sacra.

O festival incluíu unha variada programación de actividades complementarias. Dende a actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense na inauguración, ata concertos dos Gin Toni’s e do grupo local Malenne. Ademais, realizáronse obradoiros de cata e masterclasses gratuítas impartidas por expertos como Iván Olmedo e David Pascual, e actividades infantís como conta contos e obradoiros de olería.

Con un peche espectacular e unha gran afluencia de público, a VI Feira do Viño da Ribeira Sacra consolidouse como un dos eventos máis importantes e esperados do calendario vitivinícola en España.