O posto …E para comer, Lugo finalizou a súa viaxe de promoción turística e gastronómica da provincia nas saídas de etapa da Vuelta Ciclista a España, unha iniciativa da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) que contou co apoio da Xunta de Galicia e coa colaboración de varios consellos reguladores e asociacións de produtores.
O obxectivo da Apehl con este proxecto, levado a cabo xa por duodécimo ano, é presentar a provincia de Lugo no seu conxunto, dando a coñecer todo o bo que esta provincia ten para os visitantes.
Para iso, o estand …E para comer, Lugo instalouse na zona VIP das 21 saídas de etapa desta edición, 18 delas en diferentes comunidades españolas e as tres primeiras nas lñocalidades portuguesas de Lisboa, Cascais e Lousã.
Os petiscos repartidos foron elaborados con produtos facilitados por colaboradores como os consellos reguladores da Ribeira Sacra, Ternera Gallega, Queixo Arzúa-Ulloa, Queixo do Cebreiro, Queixo de Tetilla, Pataca de Galicia, Castaña de Galicia, Grelos de Galicia, Pementos de Mougán, Mel de Galicia, así como por Avimós, Asovega, Asoporcel, Armadores de Burela, Afapan, Aceite de Quiroga, Acruga, Galletas Daveiga, Montepicato ou Estrella Galicia.