O Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, incorporouse como entidade colaboradora ao Congreso Mundial de Turismo de Interior, que terá lugar en Cáceres do 26 ao 28 de novembro deste ano, baixo a organización da Asociación Ibérica de Turismo de Interior.
O Congreso, dirixido tanto a empresarios e profesionais como á administración e o ámbito da formación, ten previsto un número aproximado de 300 asistentes. O seu obxectivo é analizar a actualidade e perspectivas do turismo de interior e avaliar áreas de interese como os fluxos turísticos, a dixitalización ou o impacto cultural e social desta actividade.
Tamén pretende expor accións turísticas encamiñadas a contribuír ao desenvolvemento social e económico do territorio interior e facilitar a cooperación entre os diferentes axentes implicados neste.