A área de turismo da Deputación participa no evento turístico e gastronómico “Out of the blue” que terá lugar no municipio portugués de Matosinhos do 24 ao 25 de outubro e que, baixo o lema “A resposta está no océano”, acollerá diferentes actividades destinadas a poñer en valor a gastronomía e a sustentabilidade dos mares.
Os chefs de A Tafona (Santiago de Compostela) e NaDo (A Coruña), Lucía Freitas e Iván Domínguez respectivamente, realizarán showcookings “a catro mans” con outros dous chefs portugueses para enxalzar os produtos locais de ambos territorios.
O xoves, Lucía Freitas estará aos fogos, no seu restaurante, con Rui Paula Casa, dúas sstrelas Michelin e chef de Chá da Boa Nova. E, pola súa parte, o venres Iván Domínguez cociñará co tamén chef estrelado Arnaldo Azevedo, do restaurante Bistrô by Vila Foz, no Mercado de Matosinhos.
Ademais, Lucía Freitas participará o venres no mercado, nunha conversa sobre “As mulleres nos sistemas alimentarios”, con Diana Barnabé (Estúdio Cozinha) e Alexandra Prado Coelho (xornalistas), para coñecer e celebrar ás protagonistas invisibles do sector alimentario.
O biólogo e responsable de Algas Mar de Ardora, Sergio Baamonde, estará o venres nunha charla e degustación coa chef e bióloga Joana Duarte, o biólogo Leonel Pereira e Isabel Sousa, de CIIMAR, sobre “As Algas e as Plantas que veñen do Océano” co obxectivo de explorar o papel crucial das algas na estabilidade do ecosistema mariño e o seu potencial na gastronomía.