A Provincia que sabe, en Xantar para un bo xantar


A Deputación da Coruña volverá a estar presente no Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar Ourense. Entre o xoves 24 de outubro e o domingo 27, a institución provincial participará no evento baixo a súa marca turística e gastronómica “A provincia que sabe”.

Así, desde o seu propio stand, promociona estes día de feira produtos e eventos gastronómicos senlleiros da provincia a través de iniciativas como degustacións, catas, showcookings e soportes audiovisuais.

Trece son os municipios que amosan no espazo da Deputación de Coruña as súas singularidades e bondades gastronómicas. Así, de xeito concreto, o mel de Oleiros estará presente os catro días con degustacións permanentes. O Concello de Ponteceso promociona a Festa da Faba e o de Arzúa queixo e mel e Muxía o congro.

O venres 25, Vedra expón a Viño da Ulla e a Festa da Orella de San Fins de Sales, Vimianzo regresa aos sabores do pasado vinculadas á Festa da Faguía e ao Asalto ao Castelo e Mazaricos ensina o sabor do Bolo do Pote.

Xa o sábado 26 será a quenda para o percebe, o polbo e a navalla de Ribeira. Pola súa banda, o Concello de Carballo contará cunha degustación de pan, empanada e pan de ovo tradicionais do municipio e A Laracha exhibirá as súas Festa da Fabada e Festa da Horta.

Por último, o champiñón e o lacón con grelos de Ordes serán protagonistas no derradeiro día, o domingo 27. Xunto a eles presentaranse o Concello de Moeche coa súa Feira do Queixo e o Concello de Melide e o seu tradicional melindre.