O presidente de Hostelería y Turismo de Galicia, Cheché Real, denuncia "a aldraxe cometida contra os viños galegos estes días polo colectivo Mice Galicia, que organizou o pasado día tres, segundo me fan saber, un evento nun local da rúa Goya de Madrid para promocionar supostamente a gastronomía, a música e outras riquezas da provincia da Coruña. Digo supostamente porque os viños que se serviron nese ágape non foron coruñeses nin galegos, senón que os brancos foron de Rueda e, os tintos, de Rioja".
Este dato deben coñecelo, engade Cheché "as institucións que apoiaron ou financiaron este evento de Mice, porque os logotipos da Xunta, da Deputación da Coruña e do Clúster de Turismo de Galicia (do cal formo parte), aparecen no folleto promocional deste acto, organizado no centro de convencións Platea Madrid. É dicir, con fondos destas administracións galegas, supostamente, promociónanse en Madrid os viños tintos de Rioja e non os da Ribeira Sacra. Tamén os brancos de Rueda, que son precisamente agora os competidores máis agresivos dos brancos galegos polos baixos prezos cos que chegan a ao mercado".
Á vista desta cagada (con perdón) dos organizadores, o presidente dos hostaleiros de Galicia, pídelle ás administracións que apoian ou financian este tipo de eventos, esixan que todos os produtos que se promocionen ou se servan nos mesmos sexan galegos. Mal nos irá -engade Real- se nós mesmos non valoramos e non promocionamos o noso. En todo caso, a aldraxe está consumada e espero que en próximos eventos promocionais de Galicia e dos nosos produtos non se volvan a cometer os mesmos erros".