A segunda xornada de Degusta A Coruña comezou hoxe en Herbón, cunha visita ás tradicionais pesqueiras do río Ulla na que os asistentes ao congreso itinerante promovido pola área de turismo da Deputación da Coruña puideron coñecer de primeira man o ciclo de vida da lamprea, dende como vive e se reproduce ata onde se pesca.
O gardarríos do Ulla, José Manuel Freire, e Eduardo Blanco, propietario dunha pesqueira, compartiron a súa experiencia e coñecemento sobre a lamprea e o seu hábitat no Ulla: as artes de pesca tradicionais, o percorrido da lamprea ao longo do río e os métodos de captura que manteñen viva unha actividade centenaria.
O congreso continuou a súa actividade e recalou no Pazo de Goiáns, no municipio de Boiro, cunha mesa redonda baixo o título “Os grandes descoñecidos:viños da IXP Barbanza e Iria, e Rías Baixas subzona Ribeira do Ulla”.
A sesión contou cun panel de expertos do sector vitivinícola, entre os que se atopaban David Rial de Cazapitas, Paco Crusat de Adega Entre Os Ríos, Manolo Bandín de Bodegas Castellum Augusti, Nieves Millán de Bodega María Manuela e Juanjo Figueroa Treus de Agasu que participou como na xornada de onte como mestre de cerimonias.
A actividade emitiuse por streaming, permitindo a un público máis amplo descubrir a calidade e singularidade destes viños que, a pesar da súa excelencia, son aínda pouco coñecidos. Os expertos compartiron a súa visión sobre os desafíos e oportunidades destes viños autóctonos, poñendo en valor o seu papel no mercado.
O vicepresidente, Xosé Regueira, salientou que “todo o que se dixo nesta xornada está perfectamente alineado coa nosa campaña ‘A provincia que sabe’: falouse de saberes, sabores, historia, tradición e territorio. Tamén de futuro e sustentabilidade”.
A xornada rematou cunha visita polas inmediacións do Pazo de Goiáns onde os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer de preto a historia e o legado deste espazo histórico. Nunha visita guiada exploraron os seus lagares e descubriron o seu vínculo con mundo do viño, destacando a súa tradición vitivinícola.
Para xantar, celebrouse no pazo un cóctel maridaxe con produtos de proximidade e viños das IXP Barbzanza e Iria e Rías Baixas subzona Ribeira do Ulla. A nota gastronómica puxérona os cociñeiros Luis Alijón de Nojira; José Sergade de La Muradana e Alberto Carou do Curral do Marqués.